A escritora Rosalía Fernández Rial para pechar a tempada do Sete Vidas

O xoves 7 de xuño o club de lectura Sete Vidas pecha a tempada falando da obra «Bonus Track», de Rosalía Fernández Rial. Será na Casa da Lectura a partir das 20:00 h. A partir das 21:00 estará con nós a autora.
Rosalía Fernández Rial é coñecida, sobre todo, como poeta, a través de varias publicacións que apuntan cara á multidisciplinariedade, e tamén como performer. Esta é a súa primeira obra narrativa: 22 relatos nos que a autora introduce na súa trama, en practicamente todos, un tema musical; relatos nos que a música é tamén protagonista, relatos tecidos con letras de cancións e co lirismo propio dela.
“E as letras das cancións son ou non literatura?”, di como advertencia na cita introdutoria. Responderá brevemente Bob Dylan; e a seguir os relatos de Rosalía. Así, ao longo do libro, podemos escoitar unha banda sonora que se entretece na vida das personaxes, na que aparecerán Bob Dylan, Patti Smith, Mercedes Peón, Nirvana, Nina Simone, Leonard Cohen, Narf, Tom Waits, Marful, Zaz, Berrogüetto, António Carlos Jobim, Amaral, Antonio Vega, Mala Rodríguez, Billie Holliday, Doors, Santana, Celia Cruz…

No mes de maio lemos «A Obra» de Bruno Sperani, editada por Hugin e Munin. Detrás deste pseudónimo atopábase Vicenza Beatrice Speraz (1843-1923), unha escritora e xornalista, hoxe case descoñecida, que tivo unha vida moi interesante. Desafiando as convencións da época abandonou o marido co que a casaran moi nova, viviu en parella fóra do matrimonio e sacou adiante os seus fillos coa súa escrita. Traballou tamén como tradutora. «A Obra» (1894) é sorprendentemente actual. Descóbrenos o Milán de finais do XIX, en plena expansión urbana, onde a cidade vella está a ser substituída por novos edificios construídos de forma precaria por especuladores. Por outro lado, os obreiros explotados empezan a tomar conciencia da situación. E entre todos eles, a protagonista, Luisina Terragni, rebélase contra a vida de miseria á que parece condenada.
Estivemos acompañados por Isabel Soto, coa que falamos da autora, da súa tradución e do panorama editorial. Estas son as fotos da sesión:

Sete Vidas, 10/05/18