A escritora Ledicia Costas visita o Lendo Contigo para falar de “Escarlatina, a cociñeira defunta”

Este sábado 28 de febreiro, celébrase a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. A lectura que lemos nesta ocasión é Escarlatina, a cociñeira defunta, último Premio Merlín de Literatura Infantil 2014; Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014 e Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014. Libro escrito por Ledia Costas, que estará con nós durante a sesión, e publicado por Edicións Xerais.

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

A sesión comeza ás 12:00 horas na Biblioteca de Gondomar e poden asistir todos os nenos e nenas entre 8 e 11 anos acompañados de cando menos un adulto.

Estas son imaxes da sesión de xaneiro de 2015 do club de lectura Lendo Contigo celebrado o 31 de xaneiro co escritor Pere Tobaruela, autor de Formigas. Misión París.