00_Accions_Lectoras_Cuberta

Accións de visibilización do libro e a lectura na rúa
Lugar: itinerante
Coordinadores: cada acción lectora ten un coordinador/a e unha comisión de traballo distinta

As Accións Lectoras son actividades conxunturais que teñen lugar en espazos públicos, coa finalidade de sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da lectura, dos hábitos lectores e da adquisión e revindicación dunha cultura lectora.

Nese sentido, a actividade anual que se celebra baixo lema Dar de ler, coma quen dá de beber naceu como unha Acción Lectora, aínda que posteriormente se consolidase como unha actividade anual, posto que se trataba dunha sesión de dúas horas de lecturas públicas en distintos espazos con fragmentos de libros elixidos polos lectores e lectoras.

Algunhas das Accións Lectoras de maior éxito foron o Bookcrossing e a Sentada Lectora.

 

BOOKCROSSING

Espazo Lectura promove o bookcrossing, é dicir, a liberación de libros en espazos públicos, como actividade para o fomento da lectura. A primeira campaña de bookcrossing da asociación realizouse en maio de 2008 baixo o nome «Bookcrossing no Val Miñor». Ceibáronse 120 libros en diferentes espazos públicos dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Para esta campaña establecéronse múltiples lugares de solta e definíronse oito zonas bookcrossing no Val Miñor.

Os 120 libros rulantes que se liberaron foron previamente rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e foron etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar en que os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros foi acompañada da edición de 10.000 folletos nos cales se explicaba o espírito da campaña e o que hai que facer cando unha persoa atopa un destes libros. A iniciativa tamén contou coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia.

 

SENTADA LECTORA

Baixo o lema «Únete á rebelión da lectura», Espazo Lectura convocou a primeira Sentada Lectora o Día Internacional do Libro (o 22 de abril de 2012), citando a cidadanía na Alameda de Gondomar nun acto de reivindicación cívica a favor da lectura. Os asistentes tiñan que levar canda si un libro e sentar con el no chan da Alameda, para encher este espazo de persoas e libros en actitude lectora. Logo dunha actuación musical do grupo Migallas, dirixida especialmente para o público infantil, os asistentes permaneceron sentados no chan da praza lendo en silencio durante dez minutos. A continuación a actriz e escritora Paula Carballeira e a xornalista Araceli Gonda leron un Manifesto a Favor da Lectura. O acto despediuse coa actuación do coro Cantares do Brión, de Vincios.

Con este acto, Espazo Lectura quixo, nun momento de crise, transmitir publicamente a idea de que o valor da lectura e da cultura é máis importante ca nunca para construír unha cidadanía libre e para dotala de futuro e de esperanza, remitíndose ao lema, xa empregado pola asociación noutras ocasións, «Onde hai libros hai futuro».