Asalto poético polas rúas de Gondomar

Espazo Lectura celebra o seu 5º aniversario este sábado 26 cunha nova acción lectora: un “asalto poético” polas rúas de Gondomar.

Este sábado 26 de xaneiro cúmprense 5 anos da constitución da asociación Espazo Lectura, que quere celebralo cunha acción lectora coa que visibilizar o seu traballo a prol da lectura e convidar os gondomareños e gondomareñas a achegarse á poesía. Entre as 10:30h e as 12:00h do sábado 26 sairán polas rúas, establecementos comerciais e espazos públicos de Gondomar grupos de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura que “asaltarán” as persoas coas que se atopen para lerlles un poema e compartir así con eles o espírito de sociedade lectora que Espazo Lectura quere fomentar desde a súa campaña Gondomar, lendo para medrar. Ademais, para celebrar este 5º aniversario, Espazo Lectura inaugurara esta semana un novo sitio web, máis atractivo e moderno, para difundir as súas actividades e conectar dun xeito máis doado coa sociedade: www.espazolectura.org

5 anos de fomento da lectura
Aínda que as primeiras actividades se remontan a febreiro de 2006, Espazo Lectura constituíuse formalmente o 26 de xaneiro de 2008 co obxectivo de desenvolver un programa de actividades de fomento da lectura que chegase a toda a sociedade e que constituíse unha oferta atractiva de actividades de lecer vencelladas ao libro e a lectura. Cinco anos despois, Espazo Lectura conseguiu consolidar en Gondomar un proxecto que inclúe máis de 100 actividades ao ano cunha ampla asistencia de público, baseado nas actividades estables, que son as que crean hábitos lectores. O programa ofrece dúas actividades semanais (o Contomar, todos os luns na Biblioteca Municipal, e as sesións de dinamización lectora, que se celebran todos os mércores na Casa da Lectura), catro actividades mensuais (o club de lectura Sete vidas, o club Lecturas debuxadas, o club de lectura compartida Lendo contigo e o Comando Le) e numerosas actividades de carácter anual ou sen periodicidade fixa que complementan o proxecto (Contos en cueiros, Noite na Biblioteca, Dar de ler coma quen dá de beber, Noites golfas, A fogueira dos versos, etc.).