Balada para Sophie no Lecturas debuxadas de marzo

O martes, día 21 de marzo teremos unha nova sesión do Lecturas Debuxadas coa obra “Balada para Sophie”con guión de Filipe de Melo e arte de Juan Cavia (Norma Editorial). Relata a vida de dúas xóvenes promesas do piano, Julien e François, que teñen dous camiños que transcorren en paralelo. Julien, xa ancián, relata a súa vida a unha xornalista, explicando a rivalidade con François e os remorsos que o atormentan. Unha historia emocionante narrada partindo das distintas personaxes e cunha expresión gráfica excelente.

A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h. Se queres participar mediante videoconferencia, envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com

Julia Lago acompañounos  o pasado 14 de febreiro coa súa obra Nós seis. Contounos como a obra xorde da petición que lles fixo ela ás súas avoas de cadansúa autobiografía cando cumpriu 18 anos. Así que, A BD recrea a historia da propia avoa da autora como nena ferrolá que viviu nun internado do franquismo dos anos cincuenta. Segundo apunta Lago, con este traballo quere contribuír a “tomar conciencia do valor do traballo e da rebeldía de persoas como Mercedes, que non se dobregaron baixo normas opresivas e misóxinas, e conseguiron, grazas á súa resistencia, que hoxe en día sexan consideradas como o que son: represoras, machistas e alienantes”, ademais de “coñecer os piares sobre os que están construídos os valores arraigados na sociedade española (machismo, pudor, complexos)”.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *