Beatriz Núñez, nova presidenta de Espazo Lectura

A asociación renova a Xunta Directiva e a Presidencia logo de oito anos de intensa actividade

O pasado sábado, Espazo Lectura celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria de socios e socias que marcou o comezo dunha nova etapa nesta emblemática asociación do Val Miñor –única en toda Galicia polo seu marcado perfil–, asociación que foi recoñecida en diversas ocasións con galardóns como Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, o Premio Francisco Fernández del Riego da Asociación Galega de Editores e o 2º premio de dinamización sociocultural Everest.
O que define ese cambio de etapa é unha significativa renovación da directiva, coa saída de seis socios-fundadores (dos oito iniciais só permanece un) e o recambio da presidencia, coa marcha de Concha Costas, á que substitúe Beatriz Núñez, que será a que dirixa, a partir de agora, o rumbo deste barco que desenvolve toda a súa acción prol da lectura e do libro, redimensionando, en boa medida, o espazo sociocultural de Gondomar no mapa de Galicia.
Con todo, ningunha das persoas que abandona a directiva se desvencella de Espazo Lectura, xa que permanecen formando parte do Consello Operativo (o órgano consultivo da asociación) e na coordinación de actividades.

IMG_3738
Beatriz Núñez, nova presidenta de Espazo Lectura, acompañada de Yaiza Peixoto, vicepresidenta.

A oferta de Espazo Lectura

Antes da Asemblea Xeral Extraordinaria tivo lugar unha Ordinaria, na que se se deu conta ante os socios e socias da programación actividades deste último ano. Esta cuestión resulta relevante para unha asociación cun gran ritmo de convocatoria, que organiza un mínimo de 13 actividades mensuais. Desde fomento da lectura para bebés ata dinamización lectora de adultos, pasando por unha ampla oferta para distintas idades da infancia e adolescencia, Espazo Lectura programa (tanto na Casa da Lectura, na parroquia de Donas, como na Biblioteca Municipal de Gondomar) unha serie de citas coa lectura que se basean na regularidade e continuidade dun proxecto que acaba de cumprir oito anos formalmente ou dez desde a fundación do Contomar (o contacontos semanal que se realiza semanalmente na biblioteca municipal).

 

A precariedade da Biblioteca Municipal

IMG_3684
Un momento das votacións da Asemblea Xeral do pasado sábado.

Esa regularidade converte este proxecto, que parte da iniciativa da sociedade civil, en único en Galicia e desenvólvese (sen máis tregua que o descanso estival) co esforzo desinteresado de vinte e cinco persoas voluntarias nun concello onde a Biblioteca Municipal carece de bibliotecario titulado, carece de orzamento para a compra de libros, non está informatizada e non está incluída na Rede Bibliotecaria de Galicia, a pesar das demandas constantes desde Espazo Lectura nese sentido aos distintos gobernos municipais que se sucederon ao longo destes oito anos, demandas que ata o de agora caeron en saco roto. A pequena biblioteca que Espazo Lectura abriu en 2009 na súa sede de Donas (Casa da Lectura), que realiza préstamo informatizado, está moito máis actualizada que a propia biblioteca municipal e está integrada, a través do programa Meiga, na rede de Bibliotecas de Galicia.

 

As difíciles relacións coa Administración

Nese sentido, a presidenta saínte, Concha Costas, manifesta que esa é a parte máis ingrata e desmoralizadora do proxecto, o de «ter que entenderse cunha administración que non acaba de comprender o espírito de Espazo Lectura, que non é capaz de poñelo en valor, nin sequera en beneficio do propio Concello, e que mostra en xeral escaso interese pola envergadura dunha programación destas características». De feito, ese é un dos problemas que máis preocupan á nova presidenta, Beatriz Núñez, tal e como quedou de manifesto na Asemblea Xeral Extraordinaria do sábado, moi especialmente dadas as dificultades de comunicación que se están a producir co novo goberno municipal saído das últimas eleccións.

 

Os proxectos de Espazo Lectura

120422028
A bandeira de rebelión lectora ondeando en Gondomar.

Espazo Lectura ten dirixido en diversas ocasións un elenco de propostas a todos os grupos municipais do concello cunha serie de medidas encamiñadas a converter Gondomar nunha Vila do Libro ou, no seu defecto, Vila da Lectura pero apenas se avanzou nese sentido desde a administración. Un dos poucos avances que se produciron foi a asunción, por parte do anterior goberno municipal da proposta de transformación da Casa da Lectura e o Museo do Conto, unha iniciativa de Espazo Lectura para converter a súa sede de Donas (ubicada nunha antiga escoliña rural recuperada e rehabilitada pola asociación) nun Centro do Libro e da Lectura, unha iniciativa pioneira en Galicia para á que se realizou un proxecto arquitectónico, rematado, que se desenvolvería en tres fases da man do Estudio de Arquitectura de Javier Franco e Vicente Pintos. Arestora, a iniciativa atópase paralizada xa que require da imprescindible participación das administracións públicas. O proxecto resulta especialmente relevante nun momento en que as bibliotecas están a converterse en mediatecas que, ademais de dinamizar e fomentar a lectura, actúan como apoio na formación da cidadanía e prestan servizos de asesoramento sociolaboral.

 

Voluntarismo cun orzamento escaso

Algúns dos voluntarios de Espazo Lectura xa consideran «todo un milagre ter chegado ata aquí», dada a escasa implicación da administración en todo o proxecto. Curiosamente, un dos feitos que máis chaman a atención nos distintos foros onde a asociación foi convidada a presentar o seu proxecto (Bilbao, Huesca, A Coruña, Porto, Santiago de Compostela, León, etc, etc) é que se poida levar a cabo unha programación tan intensa cun orzamento tan baixo. Espazo Lectura ingresa arredor de 4.800 euros anuais polas cuotas dos socios e socias que se destinan, principalmente, ás actividades realizadas na Casa da Lectura, e ademais, vén contando, ata o de agora, con 5.000 euros dunha reserva de crédito do Concello de Gondomar aos que Espazo Lectura non ten acceso pero administra para pagar os autores e autoras e os distintos espectáculos que se contratan como complemento da programación, basicamente na Biblioteca Municipal.

120422126
Imaxe da Sentada Lectora convocada por Espazo Lectura en Gondomar.

 

Un proxecto ilusionante que dá froitos

Cando Espazo Lectura comezou a realizar programación no ano 2006, a Biblioteca Municipal só abría en horario de tarde, non tiña usuarios e realizaba o préstamo sen rexistralo. Dez anos despois, cun número de usuarios moito maior que medrou en 120422267boa parte a consecuencia da actividade de Espazo Lectura, as condicións da biblioteca apenas melloraron. Nese sentido, a expresidenta Concha Costas resalta que «ter realizado todo este labor ao longo destes dez anos nunhas condicións tan precarias coma esas foi unha tarefa titánica que produce un enorme desgaste na asociación». Malia todo, e aínda que a etapa que comeza agora require, en palabras da nova presidenta Beatriz Núñez, «un período para reforzar a renovación do equipo humano de Espazo Lectura», o proxecto lector continúa a ser un proxecto ilusionante, moderno, educativo, pedagóxico, cunha profunda vocación social e unha vontade inquebrantable de alcanzar novas metas, moi especialmente nun momento en que as primeiras xeracións de nenos e nenas que comezaron asistindo á actividade fundacional, o Contomar e continuaron logo vencellados ao seu desenvolvemento lúdico-educativo están a chegar xa á Universidade e os resultados son xa tanxibles para as persoas que dedican o seu tempo á asociación. E iso é, sen dúbida, o máis gratificante de tanto esforzo e voluntarismo.

 

Nova Xunta Directiva de Espazo Lectura

Presidencia: Beatriz Nuñez
Vicepresidencia: Yaiza Peixoto
Tesourería: Mar García
Secretaría: Xoán Cruz
Vocalía de Xestión Interna: Cristina Álvarez
Vocalía de Coordinación: Bea Pereiro
Vocalía de Accións Especiais: Fran Alonso
Vocalía de Loxística: Luís Domínguez

 

IMG_3698
De esquerda á dereita, Concha Costas, ex-presidenta de Espazo Lectura, Beatriz Núñez, nova presidenta e Yaiza Peixoto, vicepresidenta. Asemblea do pasado sábado na Casa da Lectura.
Coelleira
Contacontos no Parque da Coelleira de Gondomar.

 

P1080954
Campaña de Bookcrossing, unha das primeras iniciativas de Espazo Lectura trala súa constitución.