Begoña Caamaño, na memoria

Como homenaxe a Begoña Caamaño, que sempre estivo disposta a colaborar con Espazo Lectura cando llo requirimos e de quen gardamos un delicioso recordo do seu paso polo club de lectura Sete Vidas, recuperamos o texto conmovedor e vitalista que nos enviou con motivo da Sentada Lectora que celebramos o 22 de abril de 2012.

Lecturas para vivir máis e mellor

Unha sentada lectora é sen dúbida un dos oxímoros máis fermosos que poidan exisistir. Nada como a lectura para non ficar sentadas, á espera, inactivas, adurmiñadas e pasivas. Nada como as lecturas compartidas, reflexivas e insubmisas para combater a vaga de escurantismo, represión e burramia que pretende nos devolver aos tempos escuros.

Ler para sermos libres, para devenir sabias, para facérmonos máis poderosas e invencíbeis. Ler para estar vivas en tempos que nos convocan aos sepulcros da ignorancia. Ler para que as nosas pupilas non se volvan escleróticas, impermeábeis á realidade.

Hoxe, que un cancro me impide estar fisicamente en Gondomar, quero tamén vos comunicar a miña gran descuberta médica: ler como mellor quimioterapia; ler para saber que existen ao meu alcance moitas máis vidas e saberes das que unha enfermidade poida nunca truncar.

Apertas lectoras a todas e todos dende o convencemento de que as lecturas nos fan empáticas, solidarias, plurais, universais… audazmente irreverentes, poliformicamente humanas, fermosamente salvaxes, civilizadamente responsables.

Begoña Caamaño