Charla de Cristina Novoa no acto inaugural da tempada de Espazo Lectura

Como actuar para que os teus fillos e fillas sexan lectores?

O vindeiro venres 21 de outubro, ás 18:00 horas, Espazo Lectura celebrará un acto de inauguración da nova tempada (aínda que coas actividades xa en marcha) a través desta cita que se celebrará na Aula de Cultura do IEM Ponte de Rosas (Avenida da Feira 10, Gondomar).

O acto, presentado pola presidenta de Espazo Lectura, Beatriz Núñez, xirará en torno á charla de Cristina Novoa, a máxima responsable da Asesoría das Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, que orientará, de forma amena e práctica, as familias, nais e pais, educadores/as e ao público asistente sobre a importancia de acompañar os nosos fillos e fillas no seu proceso lector durante toda a infancia e adolescencia co fin de aumentar as súas destrezas persoais e académicas.

Ao longo do acto actuará tamén A Banda dos Cueiros, un grupo de música infantil nacido ao abeiro das actividades de Espazo Lectura.

Como actuar para que os teus fillos e fillas sexan lectores? Como facer para que desfruten cos libros e aumentar así a súas competencias e destrezas lectoras e académicas? A lectura diríxese directamente ás nosas emocións para facernos persoas máis competentes na nosa preparación para a vida. Cristina Novoa manexará as claves máis importantes do acompañamento no proceso lector.

Ao longo do acto, presentaranse tamén as actividades de Espazo Lectura para esta nova tempada 2017-2017. Recomendamos asistir ao acto sen a presenza dos nenos e nenas, xa que está dirixido aos adultos.

Cristina Novoa, asesora técnica docente de Bibliotecas Escolares na Consellería de Educación da Xunta de Galicia, procede do ámbito da docencia e traballou co alumnado de Infantil e primaria en diversos centros galegos. Dedicou especial atención aos temas relacionados coa aprendizaxe da lectoescritura, adquisición das competencias lectoras, literarias e uso da información, así como a adquisición dos hábitos de lectura, creando bibliotecas en todos os centros polos que pasou. Con amplísima experiencia en xestión e dinamización das bibliotecas escolares e o fomento de la lectura, tamén ocupou diversos postos de organización e xestión de centros educativos. Así mesmo, colaborou coas redes de centros de formación do profesorado en Galicia, en temas de lectura, bibliotecas escolares, organización de centros, dinamización de grupos, ou educación medioambiental. Desde o seu posto na Asesoría das Bibliotecas Escolares, deu pé, na última década a enormes avances nos centros de ensino no ámbito das bibliotecas e do fomento da lectura.

Recomendamos moi vivamente o visionado deste vídeo que contén unha amena entrevista a Cristina Novoa:

Cristina Novoa (2) from Ronsel de Ideas on Vimeo.