A noite do 23 de xuño tivo lugar a quinta edición da Fogueira dos Versos na Casa da lectura.
Comezamos ao redor das nove da noite asando uns chourizos e compartindo a comida e bebida que as persoas que se achegaron quixeron compartir cos demais. Este ano podemos destacar a numerosa presenza de persoas que participaban por primeira vez no convite.
Cando comezaba a asomar no horizonte unha fermosa lúa chea, sobre as dez, demos a benvida a todos e a todas e, para salientar que levamos xa cinco edicións, recordamos por que lle puxemos ese nome a esta pequena festa de peche de tempada. Así pois, lembramos o libro Na fogueira dos versos de Antonio García Teijeiro e lemos un dos seus máis fermosos poemas:
E chegaches onda min
sen escoitar os meus berros;
ti, lixeira e namorada,
camiñando polo vento.
Onda min que estaba só
con murmurios e sen verbas,
déchesme un bico na voz
e creaches un poema.
Ai!, se me escribises outro,
outro poema sinxelo,
nas ponlas do meu recanto
coa calor dos teus beizos.
Despois tivo lugar unha pequena homenaxe a Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Tres xeracións de rapeiros e rapeiras deleitaron aos asistentes con adaptacións cantadas de varios fragmentos dese poemario: desde as pequenas Wikirrosalías, pasando por unha representación do grupo de adolescentes do Comando Le, ata o dúo mozo formado por Paulo e Samuel.
A continuación, como todos os anos, procedeuse á lectura e posterior queima dos poemas escollidos polas persoas que quixeron compartir cos demais os seus versos preferidos.
Sobre as doce da noite, a hora máis máxica da noite de S. Xoán, apareceron voando nas súas vasoiras as bruxas de Múrmel. Rúcula e Malfume e convidáronnos a presenciar o seu espectáculo Bipolarkus, cheo de cancións e brincadeiras.
Para rematar, as propias Múrmel oficiaron de mestras de cerimonias nunha queimada, co tradicional conxuro, que gustou moito aos que quixeron probala.
Cunha enorme lúa chea observándonos desde o máis alto do ceo, saltamos a fogueira e despedímonos ata a tempada próxima na que volveremos con ánimos renovados.
Bo verán e proveitosas lecturas!