Contos en Cantos

Desde hoxe pode visitarse na Casa da Cultura de Gondomar a exposición IMAXINOQO, que forma parte do proxecto Contos en cantos, un libro-cd-dvd promovido por OQO Editora e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inclúe doce cancións infantís feitas a partir de doce contos. A exposición, que pode visitarse até o venres 14 de novembro, de 17:00h a 20:00h, recibirá durante as mañás a visita de 450 nenos e nenas dos colexios de Gondomar, que asistirán alí a un contacontos organizado por Espazo Lectura, asociación que se encarga da coordinación e difusión desta iniciativa na nosa zona. A xira de presentación deste libro-cd-dvd, que inclúe unicamente oito vilas e cidades de Galicia, comezou a finais de setembro en Vigo e rematará en Santiago de Compostela o 13 de decembro.

► Do 11 ao 15 de novembro, en Gondomar.

Ademais da exposición IMAXINOQO, que procura unha nova forma de mirar as imaxes e incorpora o propio libro como obxecto da exposición, esta semana de actividades inclúe outras dúas propostas:

▪ Os obradoiros Q SON, que se celebrarán o venres, día14, na Biblioteca Municipal, previa inscrición e co seguinte horario: ás 17:30h, para nenos e nenas de 5 a 7 anos, e ás 18:30h, para nenos e nenas de 8 a 10 anos.

▪ O concerto Contos en cantos, o sábado 15, ás 12:00h, no auditorio Lois Tobío, coa voz de Almudena Janeiro acompañada de músicos profesionais. O acceso será libre e gratuíto.

► As visitas escolares.

Como complemento da exposición, a asociación Espazo Lectura ofreceulles aos colexios de Gondomar a oportunidade de visitar a mostra a través dun contacontos no que se inclúen algunhas das cancións e dos contos que forman parte do libro-cd-dvd. Con dúas sesións diarias ás 10:30h e ás 12:00h até un total de 8 sesións, asistirán ao contacontos uns 450 nenos de cinco colexios públicos de Gondomar (CEIP Chano Piñeiro, CEIP Souto-Donas, CEP Neira Vilas, CEIP Serra-Vincios e CRA Antía Cal).

Un comentario

  1. As nenas, nenos e dúas mestras do C.R.A. Antía Cal visitamos a exposición o martes 11 de novembro; foi un pracer. Rosana estaba a esperarnos, e dende que buscamos (e atopamos) a Chocolata, pasando por Cocorico, axudamos a Mari Luz e xogamos coa Princesa do Caurel, a visita foi magnífica.
    Espero que os obradoiros do venres sexan tamén un éxito, e consigades un cheo apoteósico no Auditorio o sábado.
    Noraboa!. Unha aperta. Marila

Os comentarios están cerrados.