«Esclavos del trabajo», de Daria Bogdanska, no Lecturas Debuxadas de xaneiro

O próximo martes 15 de xaneiro na sesión do club Lecturas Debuxadas comentaremos o cómic «Esclavos del trabajo», de Daria Bogdanska, obra autobiográfica sobre as vivencias da autora polaca cando decide ir vivir e traballar en Suecia. A sesión será na xamonería Catro Camiños, a partir das 20:00h e a entrada é libre.

O martes 11 de Decembro, o club Lecturas Debuxadas celebrou os dez anos de vida cunha xuntanza na Casa da Lectura. Celebración especial tamén porque lemos e comentamos a obra «Infortunios cotidianos» da autoría de Coral, veciña do Val Miñor e participante neste club desde hai anos. En «Infortunios cotidianos» (Ed. Planeta) Coral debuxa e mostra a realidade de moitos dos pequenos e rabudos accidentes, difíciles situacións, traspés e, en definitiva, infortunios que salpican o día a día de calquera de nós. Grazas a ela e ao seu libro saberemos quen son os culpables destes tropezos, queimaduras, salpicadas, despistes… e veremos estas cousiñas cun pouco de mellor humor e amabilidade. Cun bonito formato, impreso nun bitono e negro que fai resaltar os protagonistas, o libro é ademais unha boa mostra de moi bo debuxo, cunha liña fluída e limpa, que resalta coas escollidas ambientacións e os moitos detalles dos fondos. Coral falounos da obra, de como xurdira e de como fora o proceso todo de presentación, selección e elección deste proxecto, absolutamente persoal.
Para rematar, e celebrar os dez anos e as máis de noventa obras que pasaron xa polo club, houbo uns pinchos e mesmo torta conmemorativa! Estas son as fotos dese día.

Club Lecturas Debuxadas, 11/12/2018