Espazo Lectura comeza a tempada 2018-2019

Coa chegada do mes de outubro Espazo Lectura comeza unha nova tempada de actividades de fomento do libro e da lectura en lingua galega. Esta tempada virá marcada polo incremento na oferta de actividades. Ademais dos clubs de lectura xa consolidados, vaise poñer en marcha un novo club onde leremos e comentaremos obras baixo un enfoque feminista. O club de lectura Daquelas que Len, nome co que queremos homenaxear a Rosalía de Castro e ao seu coñecido poema «Daquelas que cantan…», virá ocupar un espazo moi demandado e agardado na asociación. Reunirase ao redor de seis sesións por tempada, sen periodicidade fixa, e a primeira sesión será o 22 de outubro. O texto escollido para arrancar é Todos teriamos que ser feministas da autora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie, publicado en galego por Sushi Books.

Dende a primeira semana de outubro regresa a oferta habitual de Espazo Lectura:

  • O día 3 de outubro ás 18:00 horas inaugúrase a nova tempada de Os mércores da Casa da Lectura cunha sesión de animación para nenas e nenos a partir de 3 anos.
  • O 4 de outubro celebraremos, tamén na Casa da Lectura, a primeira xuntanza do club de lectura Sete Vidas de narrativa. A obra escollida para esta ocasión é Senlleiras de Antía Yañez (Editorial Galaxia). Contaremos coa presenza da autora.
  • Volve tamén o club de cómic Lecturas Debuxadas coa obra O corpo de Cristo, de Bea Lema, galardoada co XII Premio Castelao de Banda Deseñada outorgado pola Deputación da Coruña. O encontro do Lecturas Debuxadas será o 16 de outubro ás 20:00 horas na librería Libraida de Gondomar e poderemos falar coa autora.
  • O club de lectura compartida Lendo Contigo reunirase na Casa da Lectura o día 27 ás 12:00 horas para falar do libro de Ánxela Loureiro Choiva de ras (Edicións Xerais). Contarase coa presenza da autora.
  • Ese mesmo día 27 de outubro, ás 20:00 horas, o Comando Le retomará os seus encontros.
  • A primeira sesión de Contos en Cueiros tamén terá lugar na Casa da Lectura o día 26 de outubro ás 18:00 horas (previa incrición).

Agardamos que a programación, da que iremos informando polo miúdo ao longo do mes, sexa do voso interese. Desexámosvos unha tempada chea de boas lecturas.