Esta fin de semana celébrase a Noite na Biblioteca

Espazo Lectura organiza esta fin de semana a Noite na Biblioteca, que se celebrará dende a noite do sábado 25 á mañá do domingo 26 de maio, nesta ocasión no CEIP Serra-Vincios de Gondomar.

A Noite na Biblioteca deste ano vai estar dedicada á famosa saga de J.K. Rowling, «Harry Potter». Nela van colaborar como monitores e monitoras os membros do Comando Le de Espazo Lectura. Os destinatarios serán 24 nenos e nenas que están cursando este ano Educación Primaria e que participaron ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (os mércores na Casa da Lectura e o CLub de lectura compartida Lendo Contigo), así como os fillos e fillas de persoas asociadas a Espazo Lectura.

Os nenos e nenas chegarán o sábado 25 ás 21.30h, logo de cear. Será unha noite chea de contos, xogos e actividades arredor do libro e a lectura, co fío conductor da maxia. Ás 24.00h terá lugar unha actuación do mago Marco. Pola mañá haberá obradoiros, e a actividade rematará arredor das 10:00h, despois do almorzo.