Este sábado, nova sesión do Comando Le

Este próximo sábado 28 de xaneiro temos unha nova sesión do Comando Le. Será a segunda parte do obradoiro de creación audiovisual que xa se iniciara no mes de decembro dentro das actividades desenvolvidas ao abeiro do proxecto europeo 

G-BOOK2 (European teens as readers and creators in gender-positive narratives), promovido pola Universidade de Vigo. Nesta ocasión a sesión terá lugar nas instalacións do IES Auga da Laxe de 19:00h a 23:00h e, ao remate do obradoiro, os comandoleiros e comandoleiras poderán desfrutar duns petiscos ofrecidos pola UVigo, entidade que impulsa a participación neste proxecto europeo.
O pasado mes de decembro tivo lugar a primeira parte do obradoiro, realizado pola axencia Comply Creative Studio e impartido por dúas persoas vinculadas ao mundo do audiovisual: Alejandro Baz e Marco Otero. Estes obradoiros constitúen unha segunda fase do proxecto, na que se pretende trasladar á linguaxe audiovisual os relatos sobre igualdade que se elaboraran o ano pasado por parte dos grupos dos seis estados europeos participantes. 

 Ao Comando Le correspóndelle traballar co relato de Eslovenia, nun proceso que se iniciou na sesión anterior e que permite que se traten aspectos relacionados coa gravación, o son, a iluminación, a edición, etc. 
Deixamos a continuación as imaxes desa primeira parte do obradoiro audiovisual, celebrada no mes de decembro:

IMG_20221217_190721

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *