Este xoves 4 de marzo, sesión do Sete Vidas

O xoves 4 de marzo o Sete Vidas trasladarase á Alemaña de comezos dos 30 da man de Hans Fallada e a súa novela “E agora que, homiño?” (Irmás Cartoné, tradución de Patricia Buxán).
Será ás 20:00 h por videoconferencia.
Johannes e Emma son unha parella que loita por saír adiante nun país en crise e nunha sociedade cada vez máis hostil.
foto_3

foto_marzo2 (1)
Se queredes participar, e non formades parte do grupo de Whatsapp do Sete Vidas, podedes enviar un email a espazolectura@gmail.com ata o mércores 3 de marzo ás 18:00. Unhas horas antes da sesión recibiredes o enlace para unirvos.
O pasado día 4 de febreiro xuntámonos, de maneira virtual, os membros do Sete Vidas para falar do libro “O canguro alcohólico” do escritor australiano Kenneth Cook (Ed. Rinoceronte).
Trátase dunha compilación de 14 relatos breves, onde o humor e o surrealismo comparten o protagonismo coa natureza (especialmente a fauna), a xeografía e os costumes de Australia. O narrador parece variar en cada relato, conformando historias independentes, pero algúns pequenos detalles, que comentamos na sesión, fixéronnos pensar que hai conexións entre eles.
O libro, en xeral, gustou moito e todas concordamos en que, cando menos nalgúns dos relatos, acadou mesmo arrincarnos gargalladas. Tamén comentamos que, a maioría deles, teñen un comezo magnífico que xera curiosidade sobre a trama e atrae a súa lectura.
A través desta colección de contos descubrimos moitas curiosidades australianas que achegaron interese á lectura.
En definitiva, un libro moi divertido para viaxar a tan afastadas latitudes.