Hugin e Munin, nova editorial socia protectora de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á Editorial Hugin e Munin, que se incorpora como socio protector da asociación.
Hugin e Munin é unha editorial galega pensada para introducir no mercado de Galicia unha serie de títulos de literatura estranxeira de prestixio. O réxime de edición está sustentado sobre unha base de subscritores que permita a publicación dos títulos.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Hugin e Munin súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura como Baía Edicións, El Patito Editorial, Ir Indo, Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, entidades culturais como Berrobambán ou Vichelocrego Teatro, librarías, como Libraida, e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 29 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.