Muller, literatura e cine, este sábado no Comando Le

O sábado 28 de xaneiro a Casa da Lectura acollerá a partir das 20:00 horas, unha nova sesión do Comando Le na que reflexionaremos sobre as desigualdades sociais entre o home e a muller e as dificultades e prexuízos aos que as mulleres teñen que enfrontarse en moitas ocasións para acceder a determinados ámbitos sociais ou profesionais. Na primeira parte, comentaremos dous libros que os comandoleiros e comandoleiras leron previamente: Expedición ao Pacífico, de Marilar Aleixandre, e Sueños de piedra, de Iria G. Parente e Selene M. Pascual. Na segunda parte, logo da cea compartida, veremos unha película que nos permitirá continuar co debate e a reflexión sobre este tema.
Na sesión anterior, celebrada no mes de decembro, as protagonistas foron as historias de medo, intriga e misterio: lemos os textos que os rapaces e rapazas escribiron para o noso concurso de microrrelatos, no que resultou gañador Manuel Loureiro; fixémoslle unha homenaxe a Agustín Fernández Paz lendo fragmentos das súas obras; e contamos co espectáculo Caso pechado, da actriz e contadora Raquel Queizás. Na seguinte ligazón poden verse as imaxes desa sesión:  https://goo.gl/photos/dNyVRvSQG3XVyhmz8