Nee Barros e Identidade no Comando Le

Este próximo sábado 27 de novembro o Comando Le reúnese ás 20:00h no Centro Neural de Gondomar para reflexionar sobre diversidade e igualdade a partir da lectura da obra teatral Identidade, de Nee Barros, quen nos acompañará na sesión para charlar cos comandoleiros e comandoleiras.

Ademais, contaremos coa presenza dun grupo de profesoras da Universidade de Vigo que van presentar a iniciativa European teens as readers and creators in gender-positive narratives, un proxecto europeo que ten como obxectivos elaborar unha bibliografía europea de libros para adolescentes que traten o tema da igualdade de xénero e organizar encontros con grupos de mozos e mozas para desenvolver actividades de concienciación sobre a igualdade, entre elas un concurso de relato curto no que van participar os comandoleiros e comandoleiras. Para levar adiante esta proposta realizarase nas sesións de decembro e xaneiro un obradoiro de escrita coa escritora e actriz Paula Carballeira. Nunha segunda fase, os relatos gañadores traduciranse ás linguas de todos os países que participan no proxecto e adaptaranse en diferentes formatos artísticos, visuais e multimedia.

Deixamos a continuación as imaxes da sesión anterior, na que contamos coa presenza de Nuria Vil e a súa intervención poética “Desfago o espazo que ocupa a miña vista”:

Comando Le 23.10.21