“O BOSQUE DOS RAPOSOS AFORCADOS” NO PRIMEIRO LECTURAS DEBUXADAS DO 2023

O vindeiro martes día 17 de xaneiro teremos a primeira sesión do ano no Lecturas Debuxadas coa obra O bosque dos raposos aforcados de Nicolas Dumontheuil (Rinoceronte Editora), baseada na novela de Arto Paasilinna. Unha serie de estrafalarias aventuras protagonizadas por un fuxitivo da xustiza, un exmilitar alcólico e unha nonaxenaria fuxitiva constrúen unha narración divertida e trepidante nas recónditas paisaxes da Laponia finlandesa. É unha obra chea de humor e trata temas como a amizade, o poder do diñeiro e as normas de convivencia nun entorno totalmente agreste.

            A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h. Se queres participar mediante videoconferencia, envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com

            Por outra banda, o martes 13 de decembro pechamos o ano no Lecturas Debuxadas con “La isla” de Mayte Alvarado. Supuxo compartir moitas lecturas diferentes da obra que resulta aberta e suxerente. Intercambiar todas interpretacións das persoas que alí estabamos, aportou novas visións que nos axudaron a caer na conta de aspectos narrativos que pasaramos por alto. O encontro coa autora fixo que nos decatásemos de que na súa intención non estaba facer unha obra pechada narrativamente, pero si deixar moitos cabos á nosa interpretación.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *