“O Parnaso sobre rodas”, unha historia de amor aos libros no Sete Vidas de maio

Na sesión de maio do club de lectura Sete Vidas, que terá lugar o martes 5 ás 20:00 h na Biblioteca de Gondomar, viaxaremos polos camiños rurais de Nova Inglaterra da man de Christopher Morley e a súa novela O Parnaso sobre rodas (Riniceronte ed.). Desfrutaremos da boa literatura e mais da natureza, e faremos o percorrido guiados por Helen e mais o señor Mifflin, os protagonistas do libro, que nos deixarán subir ao seu Parnaso e compartirán con nós a súa fermosa historia.

Contaremos coa presenza da tradutora da novela ao galego, Estela Villar.

Na xuntanza do mes pasado, o humor e a reflexión protagonizaron a sesión co autor de Menú de enganos e Instrucións para tomar café, Manuel Núñez Singala, quen nos acompañou na Biblioteca de Gondomar. Estas son as imaxes dese día.