O Pexego Mecánico para rematar o ano

A última sesión deste ano do Club Lecturas Debuxadas estará dedicada ao cómic O Pexego Mecánico, de Victor Tizón. Unha obra de humor surrealista na que se fala do máis alá da morte.

Será o martes, 21 de decembro, a partir das 20:00h, na Biblioteca pública de Gondomar. Tamén se poderá participar a través de videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 16/11/2021

En Novembro o cómic do mes no Lecturas Debuxadas foi “Wolfram. Espías, nazis e maquis”, de Alberto Varela Ferreiro. Ambientando na Galicia que acababa de saír da Guerra Civil, e finalizando xa entrada a Guerra Fría, amosa un tempo no que parecería que estabamos lonxe de todo o que pasaba daquela polo mundo, cando estabamos moito máis conectados do que se pode pensar.

Apoiado nunha intensa documentación histórica e visual, acompañamos aos protagonistas nuns feitos que, se ben se mostran de xeito breve, estimulan a ansia por coñecer o papel que xogou esta rexión nos anos máis belicosos do planeta.

E este remata sendo o principal reclamo da BD, porque lamentablemente as peripecias dos protagonistas non chegan nunca a resultar tan interesantes como os momentos históricos que se nomean.

O debuxo é claramente na escola da liña clara, moi axeitado para recoñecer as prazas e as rúas, os medios e transporte, e mesmo os xeitos de vestir, pero resulta quizais un pouco frío e pouco emocionante.

Na segunda hora mantivemos unha accidentada charla vía electrónica con Alberto, na que nos explicou como xurdira o proxecto, o seu interese polos cómics como elemento didáctico, e ademais adiantounos un pouquiño do seu novo traballo na BD.