O xoves 5 de marzo reunión do Sete Vidas

O Sete Vidas reunirase o xoves 5 de marzo para falar de Os días felices de Benvido Seixas de Eduard Velasco (Ed. Xerais). Será ás 20:00 en Libraida (Rosalía de Castro 13, Gondomar). Faremos unha videoconferencia co autor.
Os días felices de Benvido Seixas é unha novela chea de retranca que nos presenta a historia de amor entre dous polos opostos, Bienvenido e Mariña, enfrontándoos ás súas conviccións e identidades.

En febreiro falamos da novela de ciencia ficción Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick (Ed. Kalandraka). A novela trasládanos a unha Terra futura arrasada por unha guerra nuclear. Para poder sobrevivir a humanidade coloniza outros planetas axudados por androides, cada vez máis sofisticados e similares aos humanos. Rick Deckard, o protagonista, dedícase a “retirar” androides rebeldes, que foxen do seu traballo cara á Terra. Ten que enfrontarse a modelos cada vez máis sofisticados e indistinguibles dos seres humanos.

Coincidimos en que, pese a ser unha novela de ciencia ficción (un xénero que pode resultar moi “árido” para os non afeccionados), é unha lectura moi amena e asequible.

As fotos da sesión do mes pasado:
Sete Vidas 01/02/2020