Os clubs de lectura Sete Vidas e Lecturas Debuxadas celebran unha sesión especial conxunta arredor de “Cartas de inverno”

O martes 10 de decembro a Biblioteca Municipal de Gondomar acolle a partir das 20:00 h a primeira sesión conxunta dos dous clubs de lectura de adultos organizados por Espazo Lectura: o Sete Vidas (centrado na lectura de narrativa) e o Lecturas Debuxadas (centrado no cómic). Os libros propostos en ambos os clubs para este mes foron a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e mais a súa adaptación ao cómic que Antonio Seijas publicou recentemente.

Os dous autores, Agustín Fernández Paz e Antonio Seijas, estarán con nós na biblioteca, polo que será un auténtico luxo escoitalos falar xuntos do proceso de creación das súas obras e de como se aborda a adaptación dunha obra literaria a outro formato.

seijasefernandezpaz

 

Será unha sesión especial onde as persoas que adoitan participar nun dos dous clubs de lectura poidan coñecer e confraternizar cos membros do outro club. Tamén pode ser unha magnífica ocasión para achegarse por primeira vez a estes clubs de lectura e coñecer de primeira man o divertidos e interesantes que son.

Deixámosvos o tráiler de Cartas de inverno para abrir boca: