“Os televisores estrábicos”, de Ramón Vilar, no Sete Vidas de febreiro

O martes 3 de febreiro xuntámonos no club Sete Vidas para compartir as lecturas da proposta do mes: Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira (Ed. Xerais). A partir das 20:00 horas comeza a actividade na Biblioteca de Gondomar e, unha hora despois, achegarase o autor, Ramón Vilar, para charlar coas persoas que queiran achegarse á biblioteca.XG00199801

Os televisores estrábicos emiten historias dun mundo tan cotián e á vez tan estraño que por veces parecen tatuaxes da realidade que vivimos. Na programación atopamos un atracador que ao saír do banco bate co único policía local de garda; comprobamos como unha tarde de pesca nun río pode rematar en ataque de pánico; sabemos que as mantas eléctricas espantan a friaxe dos pés, pero non a soidade; coñecemos a historia de F, un alcohólico que puido xogar no Deportivo e aprendeu que a vida é unha partida de futbolín; que as empresas saben ben máis ca nós dos seus negocios; que as noticias son as que son porque os xornalistas beben coca-cola light; ou que os caramelos de café con leite poden ser ben amargos…Os televisores estrábicos é a ollada bidireccional dun home que deixa todo atrás para escribir un libro de relatos cos cartos dunha indemnización por despedimento. É a loita radicalmente optimista por sobrevivir a un tempo de desesperanza, conscientes de que aquí é obrigado vivir de pé, basicamente porque a vida queima.

Na sesión do mes pasado recibimos a visita de Moisés Barcia, editor e tradutor do libro que compartimos nesa ocasión, Nova gramática finesa, de Diego Marani. Velaí algunhas imaxes dese día.