“Portugal”, este mes no Lecturas Debuxadas

Mañá martes, 22 de xaneiro, ás 20:00 h, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a  cita mensual do club Lecturas Debuxadas.

Nesta ocasión, o cómic sobre o que versará a xuntanza é Portugal (Normal, 2012), de Cyril Pedrosa.

Simon Muchat é un debuxante de cómics en plena crise. Despois do éxito do seu primeiro libro, sofre un bloqueo que lle impide volver escribir. Este bloqueo está destruíndoo todo: o seu traballo, a súa vida persoal, a relación coa súa parella, as súas ilusións…

Cando todo parece esboroar e perder o sentido, Simon recibe unha invitación para asistir a un festival de cómics en Portugal, o país natal da súa familia e o lugar onde pasou varios veráns durante a súa infancia.

En Portugal e a través dos seus cheiros, cores, idioma e xentes, descubrirá outra forma de existir, de pensar e de ser, unha nova formulación vital que podería converterse nunha nova fonte de inspiración, persoal e profesional.