Presentación da campaña “Gondomar, lendo para medrar”

Durante os últimos anos, Gondomar destacouse especialmente por ser un concello avalado por un amplo proxecto de dinamización lectora vehiculizado por Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, e desenvolvido polos voluntarios e voluntarias dunha iniciativa cívica que non deixou de medrar. O proxecto de Espazo Lectura xa foi premiado en diversas ocasións e explicado en Galicia e fóra dela, en diversos foros de España e Portugal onde esperta interese.

Logo do traballo destes anos, Espazo Lectura cre que chegou o momento de fortalecer aínda máis estreitamente a relación entre a vila de Gondomar e os libros e a lectura, conscientes de que para Gondomar, a lectura pode ser todo un símbolo e unha oportunidade para progresar, para desenvolverse, para apostar por un futuro mellor, por un futuro no que o nome da localidade se converta en sinónimo de cultura, de avance e, sobre todo, de imán capaz de atraer o interese, a curiosidade e a riqueza. Nese sentido, somos moi conscientes de que un dos índices máis significativos que se empregan para medir o grao de desenvolvemento dos países é o do nivel de lectura.

Unha proposta para singularizar Gondomar no exterior

Por todo isto, Espazo Lectura pon en marcha unha nova campaña, acompañada de diversas propostas de actuación estratéxica, destinada a fortalecer o papel fundamental que para Gondomar pode significar unha aposta decidida polo libro e a lectura. «Gondomar, lendo para medrar» é o lema desa campaña, lema que daremos a coñecer a través de diversas actuacións e que desde as propias palabras que o compoñen artella na potencialidade da lectura as posibilidades reais que a vila ten de medrar e de singularizarse cara ao exterior. Nese sentido, trátase dunha aposta ambiciosa, chea de vitalidade e de dinamismo, que mesmo pode significar un atractivo turístico para o concello dentro dese cada vez máis puxante e demandado concepto de «turismo cultural», máis singularizado e responsable.

A implicación do tecido social gondomareño

Pretendemos que Gondomar se converta nun referente ineludible da lectura e dos libros, un referente para o que queremos comprometer a todo o tecido social do concello, de xeito que o lema represente a voz decidida e plural da súa cidadanía. O lema preséntase, ademais, acompañado dun logotipo, elaborado por Lorena Fernández, que se difundirá por Gondomar, pero tamén por toda Galicia a través das distintas actuacións da campaña.

Unha aposta de futuro

Atopámonos ante unha campaña de longa duración, que é preciso manter no tempo cun esforzo e unha aposta decidida. Por iso, é necesario que se prolongue cronoloxicamente ata converter o propio lema nunha marca identificadora, que chegue a detentar a composición do propio adn da poboación gondomareña e que estea sempre avalada en feitos, en construcións positivas, en referentes de actuacións e nunha aposta decida e inequívoca polo libro e a lectura ou, o que é o mesmo, nunha aposta inequívoca polo futuro e o confort dos seus habitantes.

Seis propostas para as eleccións municipais de Gondomar

A vindeira semana daremos conta da primeira actuación da campaña: seis propostas que Espazo Lectura elaborou e enviou, como un reto, aos principais grupos políticos que se presentan ás eleccións municipais a fin de que se dean pasos decididos neste sentido. A benevolencia da acción cidadá a favor da lectura debe ser asumida agora con actuacións concretas polas institucións municipais. A lectura é unha construción nítida de futuro.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *