Acerca das Publicacións en Espazo Lectura

Espazo Lectura elabora moitos materiais para as súas campañas e actividades, desde folletos, a tarxetas, dosieres, notas de prensa, guías de lectura, carteis, calendarios, etc. Todo ese material, que se imprime en papel con intención divulgativa, tratamos de recollelo na nosa conta de Scrib, á que se pode acceder desde a nosa web (en As nosas identidades dixitais).

Así mesmo, Espazo Lectura ten unha liña de publicacións que inaugurou en 2009 co libro Os ollos do Contomar, un libro con fotografías de Manuel G. Vicente e citas sobre a lectura impreso en Obradoiro Gráfico (Vigo). O libro estaba baseado en parte da experiencia de fomento da lectura que a asociación leva a cabo en Gondomar. Desde xaneiro de 2013, está tamén á disposición de todas as lectoras e lectores en formato dixital desde a nosa conta ISSUU, como se pode ver nesta mesma páxina.

O ánimo divulgativo de Espazo Lectura está centrado moi especialmente a partir da colección Lecturas da Grampa, constituída por publicacións de pequeno formato destinadas a difundir e complementar as actividades da asociación, establecer listaxes de lecturas recomendadas e divulgar consellos e proporcionar formación específica sobre fomento e animación á lectura. A serie Lecturas da Grampa iniciouse en abril de 2009 a fin de compartir os libros elixidos polos participantes no II Dar de ler coma quen dá de beber . Todas elas poden consultarse ou descargarse en formato dixital.

Acceder ao noso espazo en ISSUU