Remata o obradoiro de lectura e creación poética

O pasado xoves celebrouse a última sesión do obradoiro de lectura e creación poética “A poesía non morde, pero manca“, impartido polo poeta Carlos Negro e organizado por Espazo Lectura coa colaboración da Consellería de Cultura. Como despedida, e por cortesía do Instituto de Estudos Miñoranos, agasallouse a cada asistente cun exemplar do poemario Cultivos transxénicos, de Carlos Negro, que foi a obra gañadora do I Certame de Poesía Victoriano Taibo.

A esta actividade asistiron 15 persoas, que durante cinco xornadas gozaron da lectura dunha estupenda selección de textos, poéticos e non poéticos, a través dos cales se aproximaron ao feito literario. Ademais, nas sesións os asistentes amosaron a súa capacidade creativa no eido da poesía. En breve publicaremos neste blog unha escolma dos textos que se escribiron neste obradoiro; pero, para ir abrindo boca, adiantamos un poema colectivo resultado da suxestión individual provocada polo visionamento fugaz de tres cadros de Frida Khalo:



A árbore amarela

No xardín dos monstros deliciosos

hai unha roupaxe de bonecas.

Pés de auga sobre terra acoutada,

unha angustia chea de auga.

Pintura, ensoño, durmida,

un grave fondo ardente inframundo.

Frida Khalo co peito atravesado,

entre o ceo e o inferno,

Deitada nunha impresión amarela.

Frida Khalo durmida entre flores,

ela especial e a súa vida chea de cores.