“Soy la Malinche” de Alicia Jaraba Abellán abre a nova temporada do club Lecturas Debuxadas

O vindeiro martes, día 18 de outubro, abriremos a tempada no Club Lecturas debuxadas co cómic Soy la Malinche, de Alicia Jaraba Abellán. Trátase dun relato intimista que ten como protagonista á Malinche, filla dun cacique nahua caído, que grazas ao seu dominio de varias linguas acabaría converténdose en intérprete e conselleira de Hernán Cortés con tan só 18 anos.
Será o martes, 18 de outubro, a partir das 20:00h, na Biblioteca municipal de Gondomar.
Contaremos coa presenza da autora e poderemos participar mediante videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 21/06/2022

Para a derradeira sesión da tempada do Lecturas Debuxadas, escollemos “Oleg”, de Frederik Peeters. Un autor que repetiu no club despois de moito tempo, xa que o seu “Píldoras Azules” foi un dos primeiros cómics que se leron aquí.

Despois de vinte anos, Peeters volve con outra obra autobiográfica, esta vez contada polo medio dun alias, e fala do seu momento da vida como creador, como parella e como pai. Pódese dicir que todo o que estaba naquel “Píldoras azules” volve estar: a tenrura, o detallismo, a gran capacidade narrativa e imaxinativa, pero todo mellorado por un debuxo moito máis maduro, máis preciso, con moitos máis recursos que, ás veces, parecen ilimitados: Peeters debuxa situacións, escenas e sentimentos cun abrumador e variadísimo dominio do debuxo, dos encadres e da composición de páxina. “Oleg” resulta ser unha BD redonda e excelente, onde as reflexións do autor sobre a vida, o futuro, a creación e a familia se intercalan de xeito elegante con anacos do seu día a día.

Como é tradición tamén fixemos as recomendacións para as lecturas do verán e marchamos de vacacións cun bo feixe de cómics por ler.

O Club Lecturas Debuxadas pechou unha etapa. Facendo reconto sae un bo feixe de lecturas, 124, durante 14 anos (2008-2022). Moitas grazas Óscar, moitas grazas Pablo e moitísimas grazas Félix por achegarnos ao mundo da banda deseñada e encher o noso club de “cadriños” que nos fixeron voar. Seguimos lendo e compartido e sumando lecturas a esa lista interminable.

administrador
administrador
Artigos: 9