Última sesión da tempada do Lecturas Debuxadas

Oleg, de Frederik Peeters, é a última proposta desta tempada do Club Lecturas Debuxadas. Vinte anos despois de Píldoras Azules, que tamén lemos no club, Peeters volve falar de si mesmo e do seu proceso creador, aínda que agora o fai en terceira persoa, con máis liberdade para recrear a súa vida e o seu traballo.

Será o martes 21 de xuño, a partir das oito da tarde, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Tamén se poderá participar a través de videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 24/05/2022

Para o Lecturas Debuxadas do mes de maio, xuntámonos na Biblioteca de Gondomar o día 24, e falamos sobre “ Bo Tempo”, de Alberto Díaz.

O cómic xira arredor da figura do pintor e ilustrador Reimundo Patiño, quen mesmo fixo algunha incursión no mundo da BD (Dúas viaxes, O home que falaba vegliota), pero máis que unha biografía, é un conxunto de anécdotas de Patiño e reflexións do autor sobre a súa obra. Moitas das anécdotas proceden da amizade de Reimundo co pintor León Díaz, tío do autor.

É de destacar o ben que funciona a obra narrativamente, cun bo ritmo, avanza e conta sempre de xeito áxil e leva a unha lectura moi amena e gozosa, aínda que non se coñeza a obra de Reimundo Patiño ou non se teña nel especial interese. Apoiado nunha composición de páxina moi variada, o debuxo é áxil, nidio, máis caricaturesco que realista, pero logra, cando se precisa, unhas ambientacións moi emotivas.

Os capítulos do libro, que foron improvisando segundo o autor tiña acceso a anécdotas ou material, quedan despois perfectamente ordenados, e a sensación de avance e progresión é moi satisfactoria.

Alberto Díaz uniuse por videoconferencia na segunda hora, e contounos moito do proceso de creación, da súa relación con Reimundo, e é resultado do que con el falamos e nos contou.