Última sesión do Lendo Contigo este sábado

O vindeiro sábado, 29 de maio, o club de lectura compartida Lendo Contigo celebra a última sesión desta tempada. A obra elexida é Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, editada por Xerais. Xelís descobre unha botella de mar e decátase de que algo extraordinario está a piques de acontecer. Unha gran mancha de plásticos ameaza a illa de Otlic e pon en perigo os seus habitantes. Xelís inicia unha viaxe ata as inmediacións do círculo polar ártico, onde coñecerá a Ilva, a Jónas e a súa fábrica de luz. Xuntos emprenden a tarefa de atrapar a illa de plásticos para evitar a desfeita ecolóxica do planeta. E ti… úneste a esta apaixonante aventura de salvar os océanos?
Será na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas), ás 12:00h do sábado 29 de maio. En caso de chuvia a sesión celebrarase no Auditorio Municipal Lois Tobío.

Deixamos a continuación as imaxes da sesión do mes de abril, na que celebramos o teatro coa lectura da obra Voa, Voa! de Artur Trillo, que nos acompañou durante a sesión. Completamos a sesión coa representación da obra pola compañía Talía Teatro, á que asistimos e na que gozamos coa posta en escena da lectura: Lendo Contigo 18/04/2021