“Unha vida dramática”: homenaxe a Roberto Vidal Bolaño no Auditorio Lois Tobío

O Instituto de Estudos Miñoranos presenta o día 17 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, un espectáculo de base teatral co que se pretende renderlle unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

En palabras dos organizadores, “dada a consideración universal do noso persoeiro como peza fundamental (e, mesmo, fundacional) da dramaturxia galega quixemos que este acto estivese integrado na súa totalidade por persoas vinculadas ao mundo  do teatro e por iso os diversos grupos que operan no Val Miñor (Vichelocrego, Bertorella, Tranghallada, Non si? Teatro e Escola de Teatro da OMIX) aceptaron o reto de desenvolver integramente esta actividade dramática organizada polo IEM coa colaboración da concellería de Cultura do Concello de Gondomar.
O acto consistirá nunha presentación, parcialmente dramatizada, da vida e obra do dramaturgo salpicada da interpretación de anacos dalgunhas das máis representativas obras do autor, así como da proxección de anacos de películas e series da TVG na que actúa como actor.
Dada a importancia evidente que o noso homenaxeado tivo para o teatro galego, mérito que o sitúa, sen lugar a dúbidas, a carón das figuras do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal, coidamos que o acto merecerá o interese do público asistente.”

cartel jpg