VII Dar de ler coma quen dá de beber: “Lecturas na tapería”

O venres 25 de abril a partir das 20:00 horas, Espazo Lectura celebra por sétimo ano consecutivo o Dar de ler coma quen dá de beber, inserido dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura 2014. Mantemos así a proposta anual de ler e compartir lecturas nun espazo público arredor do Día do Libro. Convidámoste a acudir á Tapería Rural Ardora, en Mañufe (San Sebastián, 4), e sentar a escoitar os textos que se van ler. Poderás quedar o tempo que queiras e levar canda ti o desexo de ler os libros que máis che gusten.

Dar de ler coma quen dá de beber é unha actividade que toma o seu nome dunha frase do escritor Álvaro Cunqueiro e que se leva a cabo no venres máis próximo ao Día Internacional do Libro (23 de abril). Consiste nunha lectura de textos, colectiva e en voz alta, que se realiza nalgún espazo público e na que participan arredor de 30 persoas, que len os textos elixidos por elas mesmas, co ánimo de sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da lectura. Trátase dunha actividade itinerante, que busca levar a lectura a lugares nos cales habitualmente non está presente, apostando por abrir espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.

VII_dar_de_ler_2014