Xogamos cos contos III

O xoves 9 estreamos no obradoiro o Xogo de Espazo Lectura: un taboleiro xigante polo que catro equipos de nenos e nenas tiñan que ir avanzando grazas a un dado e á súa habilidade para superar probas e responder preguntas relacionadas cos contos: “Que lle deron de comer os pais de Garavanciño ao boi para que expulsase o seu fillo?” ou “Con que animais se foi atopando a avoa no conto Corre, corre, cabaciña cando ía á casa da súa neta?”
Loxicamente, no xogo podía influír tamén a sorte… Por exemplo, se caías na casa da ponte dos Chibos chibóns ou na de Catarina e o oso podías avanzar ou retroceder. Se caías na torre de Rapunzel, na casa do gato ou na da xoaniña rosmona, tiñas que agardar unha rolda sen tirar. E se caías na casa do paxaro que lle comeu as farangullas de pan a Polgariño, non podías seguir o camiño porque estabas perdido e tiñas que volver comezar… Claro que se caías na casa de Espazo Lectura ías de Espazo Lectura a Espazo Lectura e a seguir coa aventura!
E así, con probas, pistas, preguntas, cancións, debuxos e escenificación de contos, os nenos e nenas foron entrando no xogo con tanta emoción e paixón que cando chegou a hora de marchar ninguén quería levantar o cu. Aquí van algunhas imaxes.