Xulia Alonso inaugurou a tempada do club de lectura Sete Vidas

O pasado martes 4 de outubro o club de lectura Sete Vidas, de narrativa, recibiu a visita da escritora Xulia Alonso, cuxa novela Futuro imperfecto espertou o interese dun gran número de lectores e lectoras que se achegaron á biblioteca de Gondomar para coversar arredor do libro e coa súa autora.
Durante a primeira parte, a historia da novela serviu tamén para falar sobre o contexto social que esta retrata: a Galicia dos anos 80, a adicción á heroína de parte da mocidade desa década e a aparición da sida na nosa sociedade.

Na segunda parte, Xulia Alonso incorporouse ao faladoiro e contounos, entre outras cousas, a orixe da novela, a intención coa que foi escrita, como chegou a ser publicada e afondou nas duras vivencias que nela recrea cunha vitalidade e esperanza contaxiosas. Sobre a adscrición da obra a un xénero literario concreto, Xulia relacionou o seu libro cos memory books africanos, libros escritos por nais seropositivas para os seus fillos e fillas, co fin de deixarlles as súas reflexións e pensamentos como legado, xa que é moi probable que non os vexan medrar.
Foi unha longa sesión, de case tres horas, moi analítica, conmovedora e cargada de forza e vitalidade.

Un comentario

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *