A Banda dos Cueiros presenta este venres o seu primeiro libro-disco cun concerto no Parque das Ánimas de Gondomar

A Banda dos Cueiros, o grupo de música infantil nacido das actividades de Espazo Lectura cun proxecto musical que se enmarca dentro do proxecto xeral de fomento da lectura da asociación, presentará o seu libro-disco este venres 16 de xuño cun concerto no Parque das Ánimas de Gondomar a partir das 19:00 horas.

A Banda dos Cueiros é un proxecto de música infantil que nace en febreiro de 2013 no seo da Asociación Espazo Lectura de Gondomar, e máis en concreto como reforzo das sesións da actividade Contos en Cueiros. Aínda que nun comezo os destinatarios das súas cancións fosen bebés de 0 a 3 anos, pouco a pouco o repertorio foi aumentando e diversificándose de xeito que na actualidade A Banda dos Cueiros é unha proposta musical destinada ao público familiar en xeral.

No disco recóllense temas de composición propia, versións actuais de melodías xa clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas da literatura infantil e xuvenil galega, reinterpretacións de cancións e ladadíñas da tradición oral… As pezas empregan basicamente o galego, pero tamén outras linguas como o inglés, italiano, alemán, portugués…

banda_dos_cueiros-730x487-e1484002738811

O disco está organizado en catro bloques temáticos (as rutinas, os afectos, os animais e as partes do corpo) e pretende ser unha ferramenta lúdica e didáctica que contribúa ao desenvolvemento das nenas e dos nenos.

banda_cueiros_portada_promo