O 16 de maio de 2009 inaugurábase, na parroquia gondomarense de Donas, a Casa da Lectura, un centro de actividades arredor do libro e a lectura e mais unha biblioteca xestionados por Espazo Lectura. Trátase do proxecto máis ambicioso e ilusionante da nosa asociación, o cal, logo de dez anos funcionando grazas ao traballo entusiasta e desinteresado das voluntarias e voluntarios, se converteu nun lugar de referencia para a promoción dos hábitos lectores e a cultura do libro en galego, co engadido, ademais, de estar localizado nun contorno rural.
Dende Espazo Lectura queremos dar as grazas a todas as persoas e entidades que ao longo destes 10 anos formastes parte da Casa da Lectura, especialmente ás voluntarias e voluntarios que vos comprometestes de maneira activa co proxecto para que fose posible levar adiante as actividades durante esta década. Espazo Lectura é un proxecto que construímos día a día entre todas e todos, e só pode perdurar no tempo se nos implicamos activamente nel.
A orixe da Casa da Lectura está na transformación dunha pequena e antiga escola de Educación Infantil en desuso. A escola foi rehabilitada grazas, como todo o que se fai en Espazo Lectura, ao esforzo voluntario das persoas que colaboran coa asociación e asumiron a realización de todos os traballos de obra que a edificación requiría.
En outubro de 2008, Espazo Lectura chega a un acordo coa dirección do CEIP Souto-Donas, centro escolar do que depende a escola infantil e que, na actualidade, é unha entidade socia protectora da asociación, e co Concello de Gondomar, así como coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e puxo en marcha a recuperación dun espazo inutilizado, dotándoo para usos culturais e dando lugar a unha iniciativa que revertise no ben da comunidade. Nese momento, tamén se chegou a un acordo con catro editoriais galegas que se fixeron socias protectoras de Espazo Lectura, e que comezaron a nutrir a biblioteca de novidades: Xerais, Galaxia, Kalandraka e OQO. Hoxe en día, o número de editoras protectoras de Espazo Lectura medrou considerablemente e temos a sorte de contar co apoio dos principais selos editoriais do país: Baía Edicións, Edicións do Cumio, El Patito Editorial, Galaxia, Ir Indo, Xerais, Kalandraka, OQO, Patas de Peixe, Rinoceronte, Rodeira (Grupo Edebé), Urco editora, Huguin e Munin, Irmás Cartoné. Agradecemos enormemente a súa contribución ao noso proxecto.
A Casa da Lectura quere ser un espazo de promoción dos hábitos lectores e dinamización arredor do libro, polo que todos os mércores pola tarde se realiza alí unha actividade infantil de fomento da lectura, fixando deste xeito unha programación estable que, partindo do asociacionismo, se singulariza pola súa dimensión e especialización. Ademais desta actividade semanal, na Casa da Lectura lévanse a cabo diversas actividades de xeito regular, como o Comando Le, o Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, o club de lecturas feministas Daquelas que Len ou as Noites Golfas, Contos en Cueiros e A fogueira dos versos. Na Casa da Lectura tambén se levan a cabo outras actividades que alternan o seu lugar de celebración: o Club de Lectura Sete Vidas e o Club de Lecturas Debuxadas.
A biblioteca da Casa da Lectura está integrada no proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia e realiza préstamo bibliotecario aos seus usuarios e usuarias.
Outro dos obxectivos da Casa da Lectura é servir de punto de encontro para todas as inciativas que teñan que ver co libro e coa lectura; así como constituírse en lugar de reunión para os grupos de traballo do ámbito do fomento da lectura e como sede social e administrativa da asociación Espazo Lectura.
Por dez anos máis contribuíndo a facer lectoras e lectores!