A consulta, no Club Lecturas Debuxadas.

Harkaitz Cano e Adur contan no cómic A Consulta o asasinato do médico Santi Brouard no ano 1984 na súa consulta de Bilbao. Na obra faise un percorrido polos derradeiros días do médico e dos asasinos pagados pola Garda Civil, nun episodio de terrorismo de estado nos primeiros anos da democracia española.

Será o martes, 15 de febreiro, a partir das 20:00h, na Biblioteca pública de Gondomar. (Para participar nesta sesión a través de videoconferencia hai que enviar un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 18/01/2022

A banda deseñada que comentamos en xaneiro foi Contrapaso, los hijos de los otros, de Teresa Valero, a súa primeira obra como autora completa (guión e debuxo).

A aparición do cadáver dunha moza descúbrenos que existe un asasino en serie que investiga o periodista Emilio Sanz, do periódico La Capital. León Lenoir, recén chegado, únese á investigación que os vai levando ata unha trama que inclúe nenos roubados, abusos psiquiátricos, censura institucional… Polo camiño aparecen publicacións clandestinas no cárcere de mulleres ou revoltas estudiantís. Tamén se involucra na investigación Paloma Ríos, ilustradora dunha revista feminina, antigo amor de León Lenoir. “Os fillos dos outros”, subtítulo da obra, aparece no cómic para explicar a historia dos nenos roubados, pero tamén para indicar a interrelación das familias dos vencedores e vencidos na guerra civil española. O resultado desta pescuda non é posible publicala no periódico, pero acaba sendo espallada para que a xente coñeza o “Caso Sarobe”.

Unha historia moi complexa ambientada no Madrid dos anos cincuenta que se le moi ben grazas á marabillosa narración das viñetas e ao debuxo moi dinámico, colorido e expresivo. O formato escollido, tipo álbum, e a súa grande extensión, de case 150 páxinas, redundan na creación desta grande obra.

Na segunda parte, incorporouse a autora por videoconferencia. Falamos con ela de todos os aspectos da creación, dende a idea inicial, a transformación ata o guión final, o proceso de elaboración e as dificultades técnicas, a busca de imaxes da época ou a recreación de lugares dese período. Tamén comentou con nós as seguintes historias de Contrapaso, que xa devecemos por ler.