Desde Espazo Lectura queremos darlle a benvida e agradecerlle a súa colaboración e o seu compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á editorial Rodeira, que se incorpora como socio-protector de Espazo Lectura. A editorial Rodeira, que forma parte do Grupo Edebé, está radicada na Coruña e dedícase a publicar libros en galego, tanto obras de literatura infantil e xuvenil como libros de texto e material educativo. Foi fundada no ano 1992 e entre as súas coleccións máis coñecidas polos pequenos lectores están: Tren azul, Os meus contos favoritos de tren azul, Tucán azul, Tucán verde, Tucán laranxa, Tucán vermello, e a colección Panocha. No catálogo da editorial Rodeira figuran unha importante nómina de autores, dos que algúns, como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez ou Agustín Fernández Paz, participaron nas sesións do club de lectura compatida Lendo Contigo, de Espazo Lectura.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Rodeira súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Galaxia, Kalandraka, Xerais e OQO, así como Patasdepeixe, que se incorporará proximamente. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 17 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.