A escritora An Alfaya participará no Sete Vidas de marzo

O martes 1 de marzo celebramos a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas na que se falará da novela Areaquente (Ed. Sotelo Blanco, 2009), da escritora viguesa An Alfaya.
A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza da autora

A partir das 21.00 horas, a autora da novela visitará a Biblioteca de Gondomar para falar sobre a súa obra cos lectores e lectoras que participen neste club.

O libro

O fotógrafo Cristovo do Val, fuxindo da dolorosa experiencia do desamor, mergúllase nas desoladas ruelas de Areaquente, un páramo baleiro, devorado pola seca e polas tormentas de area; Areaquente, un mundo propio forxado por personaxes que vagan nun antes, nun durante en un despois perpetuos, nesa irrealidade real de ficción e verdade, maxistralmente ben tecida por An Alfaya, quen, palabra a palabra, nos conduce polos camiños da dor eterna, da soidade e do illamento dos seres do páramo. Así, a través da historia dos amores cruzados entre Bernarda, Filomena, Primitivo, Elixio e Aurelio, espectros nun mundo sen tempo, asistimos aos seus soños, temores, angustias, traizóns e lembranzas para decatarnos de que todo é arrastrado cara ao nada, cara ao lado escuro dese espazo que se transformou en luz. Precisamente será con esa luz coa que debuxe as imaxes Cristovo do Val, eterno buscador de fotos con cheiro.
Esta obra foi elixida gañadora do Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2008 e Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2010.


A autora
An Alfaya (Vigo, 1964) estudou na Escola de Formación do Profesorado de Vigo e Criminoloxía e detective privado na Universidade Complutense de Madrid. Co-fundadora do Teatro Avento de Vigo, obtivo diferentes premios de teatro infantil
Entre as súas obras infantís e xuvenís están O maquinista Antón (1995); O caderno azul (1996); ¡Sireno, Sireno! (1997), Premio Merlín 1997; A recortada (1999); Bua Bua Requetebua (1999); O baúl de Wensel (2000); A estrela volarían da torre colarina (2001); Down (2001); A encontadora (2003), O escuro (2003), A buguina namorada (2003), Unha xanela para Cecilia (2005), Zoa e Azor (2006), finalista do Premio Ala Delta; Os seres con raíces na cara (2006); A sombra descalza (Xerais 2006), Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2005 e Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil; Illa Soidade (Xerais 2007), Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007.

En narrativa para adultos publicou Desventura (2003), Matei un home (2005), accesit do Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2003; e Areaquente (2009).

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *