A espada de San Eufrasio no Lecturas Debuxadas de decembro

O martes, 10 de decembro, teremos unha nova sesión do Club Lecturas Debuxadas co libro A espada de San Eufrasio, de Pepe Rey, Miguel Fernández e Manolo López Poy, edición integral en galego (Diábolo Ediciones e Deputación Provincial de Lugo).

Galicia, 1464. Nos anos previos á revolta popular irmandiña, os campesiños viven sumidos na miseria mentres os señores feudais expolian o territorio, en conivencia coa Igrexa. Enfrontados nunha guerra xorda de todos contra todos, palacios e conventos son un sementeiro de intrigas, mentres o Camiño de Santiago, outrora un río de diñeiro, está paralizado. A protagonista desta historia, na que se mesturan feitos históricos coa ficción, é a familia de Rosendo, un campesiño ao que arrebatan as súas escasas posesións e obrigan a converterse nun fóra da lei empeñado en manter o seu xuramento de recuperar un día a súa casa e vingarse de quen lla arrebatou. Unha sociedade que acabará saltando polo aire no terremoto social que supuxo a Revolta Irmandiña, a maior revolta europea de todo o século XV, que dous anos despois arrasará o país de punta a punta, derrubando numerosos castelos feudais e facendo cambalear o poder da nobreza.

Agradecer á Deputación de Lugo por facernos chegar os exemplares para esta sesión.

Contaremos coa presenza de Miguel Fernández, debuxante da banda deseñada.

A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.

Na sesión de novembro falamos do cómic “Herba”, da autora coreana Keum Suk Gendry-Kim, traducido ao galego por Alba Verea Pérez pola editorial Rinoceronte.

“Herba” narra a vida de Okseon, que foi unha dos milleiros de mulleres forzadas á escravitude sexual polo exército imperial xaponés durante a segunda guerra mundial. A historia está enfiada por unha serie de entrevistas que lle fai a autora na “casa de compartir”, o refuxio onde vive Okseon na actualidade, e dende onde, a pesar de todo, segue a ter forza para loitar pola memoria das “mulleres de conforto”.

A autora narra cun estilo sinxelo pero moi expresivo, empregando a tinta e destacando os debuxos de paisaxes que son usados como pausas e comunicación entre os fragmentos da vida da protagonista.

Salientouse na sesión a forza da protagonista frente a vida de inxustizas que tivo que sufrir e o descoñecido deste episodio.

Agardámoste!

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *