A novela «Crónica Córnica», última proposta da tempada no Sete Vidas, que contará coa visita do autor

A sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas non será o primeiro xoves de mes, como é adoito, senón o día 29 de xuño, na Casa da Lectura, a partir das 20:00 h. A razón deste cambio é poder contar coa presenza do autor na sesión coa despedimos esta tempada.
Francisco Coimbra, nado en Madrid e galego por adopción, pasou varias tempadas en Compostela e Ourense durante os anos que estudou Filoloxía Románica. Nestes momentos traballa no Brasil como profesor no Departamento de Linguas Estranxeiras Modernas na Universidade Federal do Paraná.
A súa obra Crónica Córnica, finalista do Premio Xerais 2016, é unha novela sobre a identidade e a represión lingüística, sorprendente e orixinal, que manifesta moito amor polas palabras e as linguas en cada páxina, protagonizada por un personaxe colectivo e contada con doses de humor e moita retranca. 
 

 

No Sete Vidas de maio falamos da novela A ferida do vento de Antón Riveiro Coello. Nela, o autor regresa ao Xinzo da súa adolescencia, mesturando personaxes reais con ficción. A ferida do vento é dende o seu título unha homenaxe a Carlos Casares e aos “tolos” que tanto fascinaban a Casares, pois nesas terras disque a tolemia vén provocada polo vento. E de tolos e tolemias falamos moito no Sete Vidas. Na segunda parte da sesión, Riveiro Coello falounos de Casares, dos seus recordos de adolescencia, dos “toliños”… e tamén nos revelou que había de realidade e de ficción nas personaxes e situacións da novela. Estas son as imaxes dese día: https://goo.gl/photos/bCAyLCDB438Evtkp7