A novela “Festina lente”, primeira proposta da tempada para o Club de Lectura Sete Vidas

O martes de 6 de outubro reanúdanse as sesións mensuais do Club de Lectura Sete Vidas, que cumpre ese mesmo mes o seu primeiro ano de vida.


Que é o Club de Lectura Sete Vidas?

Ao Sete Vidas acode un grupo aberto e heteroxéneo de persoas que teñen en común o feito de que lles gusta ou lles apetece ler. Reúnense unha vez ao mes para, despois de ler un libro proposto, falar del, sen que iso supoña ningún tipo de obrigas nin compromisos. Nalgunhas ocasións, as sesións compleméntanse coa visita dos autores/as ou tradutores/as dos libros, o que achega un novo e interesante punto de vista á lectura.
As xuntanzas celébranse o primeiro martes de cada mes ás 20.00 h na Biblioteca de Gondomar.

Nova tempada
A lectura que propoñemos para abrir a tempada do Sete Vidas é a novela Festina lente, de Marcos Calveiro, publicada no ano 2008 por Edicións Xerais.
Trátase dunha novela histórica, ambientada na Compostela do século XVII, que propón unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Pódese ler a presentación feita pola editorial no seu blog. Tamén no blog de Xerais está arquivado un completo dosier sobre a obra. Pódese acceder a el picando aquí.

Anímate a participar!
Convidamos a todas as persoas que xa participaron neste club a que lean Festina lente e que veñan logo compartir con nós as súas impresións. Animamos tamén a todas as persoas que teñan ganas de ler e de compartir as súas lecturas con outra xente a que se acheguen o día 6 de outubro á Biblioteca de Gondomar.

Agardamos por vós!