Na noite do sábado 25 ao domingo 26 de maio de 2024 Espazo Lectura vai organizar, na Biblioteca municipal, a XIV edición da Noite na Biblioteca, que este ano vai xirar arredor das Viaxes e na que van colaborar como monitores e monitoras os membros do Comando Le de Espazo Lectura. Poderán inscribirse nenos e nenas que estean cursando este ano Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Contomar ou club de lectura compartida Lendo Contigo), ou sexan fillos e fillas de socios de Espazo Lectura.
Para inscribirvos podedes enviar un correo a espazolectura@gmail.com. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para incribirse remata o venres 10 de maio. Logo de enviar a vosa solicitude, debedes agardarunha confirmación da praza.
Os nenos e nenas que participen chegarán á Biblioteca municipal o sábado 25 ás 21.30h, logo de cear, e estarán listos para que os recollades o domingo 26 ás 10.00h. Deben traer saco de durmir, lanterna (frontal ou normal), un pixama, unha muda e as súas cousas de aseo.
Como veñen á Biblioteca despois de cear, non teñen que traer comida, aínda que se agradece que, se podedes, traiades algún biscoito para o almorzo. E por último, teñen que traer moitas ganas de divertirse e pasalo ben.
Deixámosvos coas fotos da Noite na Biblioteca do ano pasado, organizada tamén coa colaboración dos mozos e mozas do Comando Le:
Vémonos na Noite na Biblioteca!