Ábrese o prazo de inscrición para a XVI Noite na Biblioteca

Na noite do sábado 6 ao domingo 7 de xuño de 2026 Espazo Lectura vai organizar, no IES Auga da Laxe de Gondomar (Avda. Campo da Feira 28), a XVI edición da Noite na Biblioteca, que este ano vai xirar arredor do circo, e na que van colaborar como monitores e monitoras os membros do Comando Le de Espazo Lectura.

Poderán inscribirse na actividade nenos e nenas que estean cursando este ano Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Contomar, club de lectura compartida Lendo Contigo, Mércores da Casa da Lectura), ou sexan fillos e fillas de socios de Espazo Lectura.

Para inscribilos debedes enviar un correo a espazolectura@gmail.com. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para incribirse remata o domingo 17 de maio. Logo de enviar a vosa solicitude, debedes agardar unha confirmación da praza.

No momento da solicitude de inscrición indicade no correo o nome completo do/s voso/s fillo/s, a súa idade e o voso enderezo postal (queremos enviar a cada participante unha invitación persoal). Tamén é importante que indiquedes un número de teléfono no que esteades localizables esa noite.

Os nenos e nenas que participen chegarán ao IES Auga da Laxe o sábado 6 ás 21.00h, logo de cear, e estarán listos para que os recollades o domingo 7 ás 10.00h. Deben traer saco de durmir, unha pequena almofada ou coxín, lanterna (frontal ou normal), zapatillas, un pixama, unha muda e as súas cousas de aseo. Algunha das actividades desa noite desenvolverase no exterior do edificio, polo que é importante que traian un suadoiro ou algunha prenda de abrigo.

Como veñen á actividade despois de cear, non teñen que traer comida, aínda que se agradece que, se podedes, traiades algún biscoito para o almorzo. Agradecemos que nos comuniquedes se o neno ou nena ten algunha intolerancia ou alerxia a algún alimento.

E por último, teñen que traer moitas ganas de divertirse e pasalo ben 😀

Vémonos na Noite na Biblioteca!

Deixámosvos coas fotos da Noite na Biblioteca do ano pasado, organizada tamén coa colaboración dos mozos e mozas do Comando Le:

IMG_5265

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *