Aira Editorial, nova socia protectora de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Aira Editorial, que se incorpora como socia-protectora da asociación. Aira é unha editorial que nace Allariz no ano 2017 da man da libraría Aira das Letras, situada na mesma localidade. No seu catálogo atopamos poesía, narrativa, divulgación e ensaio, libros infantís, álbums ilustrados, cómic e clásicos reeditados. Ademais, a editorial ofrece servizos editoriais e de dinamización cultural, e conta co Club Aira, que nace co obxectivo de dinamizar o mecenado literario da colección de Clásicos Ilustrados.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. 

Aira Editorial súmase así ás outras dezaoito editorais que xa forman parte de Espazo Lectura, xunto con dezasete centros educativos do Val Miñor, dúas entidades culturais e unha libraría.

Moitas grazas por apoiar o proxecto de Espazo Lectura.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *