Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á editorial Antela Editorial, que se incorpora como socia-protectora da asociación.
Está formada por escritoras e escritores de libro infantil que responden á necesidade de crear edicións coidadas, de apostar polo talento local e de traballar con empresas galegas para que os beneficios queden en Galicia.
No seu catálogo podemos atopar obras infantís, contos con diversas temáticas sociais que nos axudan a descubrir aspectos do mundo no que vivimos.
Ademais, Antela Editorial destina unha porcentaxe dos seus beneficios a apoiar algunha causa social e tamén coidan deixar a menor pegada ecolóxica cos seus produtos.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”.
Antela Editorial súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura, entre as que se atopan outras dezaseis editoriais, dezasete centros educativos do Val Miñor, dúas entidades culturais e unha libraría.