O próximo xoves 2 de outubro o Sete Vidas regresa tralo verán con novas lecturas. Inauguraremos a tempada coa novela Asasinato na casa rosa, de Arantza Portabales (Galaxia).
A inspectora Iria Santaclara, de baixa para atender o seu home convalecente, recibe a sorprendente chamada do millonario Ulises Villamor. O empresario cre que a súa muller foi asasinada hai catro anos e quere que a inspectora investigue os feitos, trasladándose á súa mansión en Loeiro porque sospeita que o responsable é alguén do clan familiar. A inspectora Santaclara e o seu antigo xefe, o comisario xubilado César Araújo veranse atrapados na rede de misterios, mentiras e intrigas que rodea á familia Villamor.

Será ás 20:00 na Biblioteca Municipal de Gondomar. Contaremos coa presenza da autora.




