O próximo martes, día 24 de maio, comentaremos no Club Lecturas debuxadas o cómic Bo tempo, de Alberto Díaz. Trátase dunha biografía de Reimundo Patiño, o pioneiro, xunto con Xaquín Marín, da banda deseñada galega. Tamén aparece a perspectiva do autor que coñeceu en Madrid a Reimundo Patiño a través do seu tío León.
Será o martes, 24 de maio, a partir das 20:00h, na Biblioteca municipal de Gondomar. Tamén se poderá participar a través de videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).
Coincidindo coas actividades programadas por Espazo Lectura durante a Semana do Libro, o pasado día 26 de abril reunímonos na Biblioteca municipal de Gondomar para falar de “Amelia, historia de una lucha” e “La revuelta de las putas” de Amelia Tiganus, escritora, formadora e militante feminista, ademais de fundadora, coordinadora e colaboradora de varias asociacións na loita contra a explotación sexual das mulleres (e nenas) e a favor do abolicionismo da prostitución.
Tivemos a gran fortuna de contar coa asistencia da autora e protagonista das obras, que nos falou do proceso de creación das mesmas, como unha consecuencia natural da súa propia reconstrución vital.
Tamén nos explicou como, durante unha fase depresiva, procurou refuxio na lectura, a cal a levou a atoparse co feminismo, e foi no mesmo onde comezou a albiscar respostas para as súas inquedanzas e a axuda que precisaba para comprender a difícil situación persoal pola que atravesaba. Aí empezaría o traxecto que a levaría de vítima a activista, impartindo centos de conferencias nestes últimos anos para, dende a súa experiencia persoal, coñecementos e formación acadada e coa súa capacidade oratoria (sinxela e directa), converterse nunha divulgadora excepcional que consegue achegar o seu discurso a todo tipo de público.
Falounos, como testemuña directa da prostitución, das consecuencias que ten para a saúde física e psicolóxica das mulleres que pasan por esa situación; da estigmatización social da puta; dos estados proxenetas; dos puteros; do vínculo directo da pornografía (tantas veces branqueada) co sistema prostitucional; da necesidade de avanzar todas e todos da man (sen deixar ninguén atrás) no camiño á igualdade plena; do machismo imperante no sistema económico capitalista neoliberal actual; da oposición aos úteros de aluguer, unha mostra máis da capacidade que ten o patriarcado para convencernos duns supostos “dereitos” que non son tales (non poden selo se pasan pola opresión de mulleres en estado de pobreza e vulnerabilidade); da liberdade sexual; da importancia de afianzar a autoestima das mulleres…
Cómpre resaltar tamén que ficamos gratamente abraiadas coa amplísima asistencia e participación das persoas que acudiron á charla, superando incluso as nosas xa elevadas expectativas iniciais.