Botou a andar o Comando Le

O sábado 20 de outubro tivemos a reunión de posta en marcha do Comando Le, unha nova actividade de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre escolleremos un tema e achegarémonos a el a través do cine, a música, os debates, as saídas, as conversas e, por suposto, os libros.
Neste primeiro trimestre o tema escollido son os Dereitos Humanos e partimos de tres actividades centrais:

– Un magosto literario o 10 de novembro ás 18:00h na Casa da Lectura, aberto a todas as persoas que asisten ás actividades de Espazo Lectura ou que simpatizan co noso proxecto. No acto presentaranse  os rapaces e rapazas do Comendo Le, que nos ofrecerán, ademais de castañas, textos e música sobre os Dereitos Humanos.

– A proxección de Binta e a grande idea o sábado 1 de decembro na Casa da Lectura. Logo cearemos xuntos e comentaremos a película.

– Unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro o sábado 15 de decembro. Na sesión, que terá unha parte en común cos membros do club de lectura compartida Lendo contigo, estarán presentes os autores do libro.

Ademais destas actividades centrais, haberá outras que iremos preparando e organizando de acordo cos intereses e preferencias do grupo: outras propostas de lectura, encontro cos responsables dalgunha ONG que nos presenten o seu traballo, organización dunha sesión de dinamización para facer un mércores na Casa da Lectura, etc.

O grupo constituíuse o pasado día 20 con moitas ideas e moita ilusión e comezou xa a sumar. Son 15 rapaces e rapazas e, como non é algo pechado, podedes integrarvos na tropa cando queirades: non tedes máis que mandar un correo a espazolectura@gmail.com e poñerémonos en contacto.

 

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *